Monday 29 de April de 2024

Deputación e Concello de Valdoviño analizan o trazado da Senda dos Faros no municipio


Valdoviño contará cun carril bici duns 8 quilómetros para conectar co faro de Punta Frouxeira

As Sendas dos Faros pretenden fomentar unha mobilidade máis sostible conectando con carrís bici 11 faros de Ferrolterra, Ortegal, Costa da Morte e Muros cos seus núcleos de poboación máis próximos

O proxecto impulsado pola Deputación, conta con financiamento europeo e suporá un investimento de 5,1 millóns de euros

Deputación e Concello de Valdoviño analizan o trazado da Senda dos Faros no municipio
Técnicos da Deputación da Coruña reuníronse en Valdoviño co alcalde da localidade, Alberto González, para analizar os detalles do tramo da Senda dos Faros que discorrerá polo municipio.
O encontro enmárcase na rolda de reunións que a Deputación está a levar a cabo cos municipios da provincia que participan no proxecto Sendas dos Faros, no que a institución provincial, coa colaboración económica de fondos FEDER, investirá 5,1 millóns de euros para dotalos de sendas ciclables de conectarán once faros da provincia, entre eles o valdoviñés de Punta Frouxeira, cos seus núcleos de poboación máis próximos.
Os proxectos están actualmente en fase de redacción e o obxectivo destas reunións e analizar e coordinar cos concellos os itinerarios por onde van a pasar as sendas e ver se é necesario realizar pequenas modificacións.
No caso de Vadoviño, o itinerario previsto sería un dos máis extensos da zona norte, con 8 quilómetros de lonxitude, fronte aos 3,6 de Cariño e os 1,7 de Moeche.
Esta senda conectará co aparcadoiro disuasorio e a pista polideportivo de céspede sintético que o Concello de Valdoviño executará no marco do plan de reordenación da zona do campo de fútbol de Meirás, coa que se busca mellorar a accesibilidade ás praias de Mourillá, Frouxeira e O Portiño, actuando tamén nos camiños municipais existentes. Unha intervención que saía a licitación esta semana e que cofinancian Deputación e Concello de Valdoviño cun investimento total de 349.948,19 euros
Case 60 quilómetros de sendas no contorno de 11 faros coruñeses
As Sendas dos Faros será un dos proxectos máis importantes do goberno provincial no presente mandato. Ademais de fomentar unha mobilidade máis sostible e reducir as emisións de CO2, contribuirá a potenciar o valor patrimonial e paisaxístico dos faros da costa coruñesa e a promover o turismo.
Os faros obxecto do proxecto serán os de Estaca de Bares (Mañón), Cabo Ortegal (Cariño), Punta Frouxeira (Valdoviño), Punta Narigón (Malpica), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Cabo Touriñán (Muxía), Fisterra, Cabo de Cee (Corcubión), Lariño (Carnota) e Punta Queixal (Muros), nos que se deseñarán un total de 59,6 quilómetros de itinerarios de sendas ciclistas apoiados na rede viaria existente e cun ancho aproximado de 2 metros.